idioma

domingo, 10 de noviembre de 2013

Domingo 24 de novembro: O Fiadeiro representará por última vez o seu espectáculo “De oficios e labores” na cidade de Vigo (24 de novembro de 2013)


Día: Domingo 24 de novembro 
Hora: 12.00
Lugar: Cine Teatro Salesianos de Vigo (R/ Venezuela Nº3 - 36205 Vigo)
Prezo entradas para soci@s: 3,00 euros
Prezo entradas para non soci@s: 5,00 euros
Venda de entradas anticipadas no local de O Fiadeiro (R/ Xesús Fernández Nº3 Baixo - Vigo)

Reserva as túas entradas no 629 585 355
Aforamento limitado.

O vindeiro 24 de novembro o Cine Teatro Salesianos acollerá a representación en Vigo da sétima edición da Gala Esta noite hai unha fía, que leva a cabo a agrupación folclórica O Fiadeiro. Co subtítulo <de oficios e labores>, e ao longo de dez escenas, o espectáculo debulla pezas de música e baile tomando como fío argumental os cantos propios dos oficios tradicionais exercidos en Galicia ata ben entrado o século XX. Así, cada escena comeza coa escenificación dun oficio ou labor por parte dos propios artistas que interpretan os cantos, seguidos de músicas e bailes procedentes da mesma área xeográfica na que eses cantos foron recollidos.
O espectáculo, ideado por Miguel Souto, reúne a un total de cincuenta artistas entre músicos (dirixidos por Rafael Crespo), pandereteiras e pandereteiros (seccións a cargo de Javier Feijoó Chisco) e bailadores (baixo a dirección do propio Souto), no que constitúe un reflexo da ampla variedade de ritmos e xeitos de bailar e tocar existentes en Galicia. Esta variedade ten a súa manifestación incluso no relativo á vestimenta, xa que cada baile conta cun vestiario diferente.
Segundo a propia entidade, o evento é <unha homenaxe ás persoas que recibiron e fixeron chegar ata nós ese universo de saberes que integran o noso Patrimonio Inmaterial, aos homes e mulleres que mantiveron vivo ese caudal de coñecementos que pasou dunha xeración a outra por medio da transmisión oral>.
O contido do espectáculo está integramente baseado no traballo de campo desenvolvido por todas as bisbarras galegas polos membros da agrupación desde a súa fundación en 1996. Este traballo, xunto coa calidade da posta en escena do material recollido en vilas e aldeas converten ao Grupo para a recollida de bailes, músicas e cantares O Fiadeiro nun dos máis salientables do país no tocante á difusión do folclore.

Aproveitando este acto como unha despedida do noso espectáculo avanzaremos tamén os novos proxectos da asociación en canto a nova imaxe corporativa.
Así mesmo todos os asistentes poiderán apoiar tamén a candidatura do Baile e Música de Galicia Patrimonio Inmaterial da Humanidade.


Vinde a disfrutar con nos
Axúdanos a difundilo